A Xunta investirá 600.000 euros na Lagoa do Rei de Rábade

A Xunta investirá algo máis de 3 millóns de euros —financiados nun 68,88 % a través de distintos programas da UE e no 31,12 % restante con fondos propios— a través dun completo paquete de actuacións de restauración e conservación en varios humidais de interese repartidos polas catro provincias.
Así se recolle nun informe do que tomou razón o Consello da Xunta sobre as actuacións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para a posta en valor de humidais nas catro provincias galegas, que son unha parte esencial do patrimonio natural de Galicia e serven de ecosistema para unha notable variedade de flora e fauna.
En Lugo, as intervencións focalizaranse nos humidais da Terra Chá. Cun investimento de 600.000 euros para os tres anos, actuarase na Lagoa do Rei, incluída na ZEC Parga- Ladra-Támoga, para aumentar a superficie do medio hídrico actuando sobre o prado de sega e levando a cabo unha escavación na área contigua á lagoa sen afectala.
Na área do bosque asolagado valorarase tamén a posible adecuación dunha pequena cubeta onde introducir un número reducido de exemplares de Hydrocharis morsus-ranae, especie en perigo de extinción no Catálogo galego e no Catálogo español. En todo caso, existe a posibilidade tamén de actuar noutros humidais do complexo da Terra Chá (Fonmiña, Lagoa de Caque...), aínda que nestes momentos non se pode concretar máis.