A Xunta investirá preto de 8 millóns de euros na remodelación da residencia As Gándaras

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, e o deputado José Manuel Mato destacaron este venres en Lugo “o salto cualitativo na atención ás persoas maiores da provincia” que suporá a remodelación integral da residencia As Gándaras, un proxecto no que a Xunta de Galicia investirá preto de 8 millóns de euros.
Durante unha visita ao centro para coñecer o seu estado actual, ambos parlamentarios explicaron que esta actuación permitirá implantar o novo modelo residencial de maiores da Xunta, baseado na atención personalizada, a mellora dos equipamentos, o uso das novas tecnoloxías e a formación continua do persoal. “O obxectivo é que os nosos maiores se sintan nestas residencias como nos seus propios fogares, poñendo á súa disposición os mellores medios e sistemas para recibir unha atención de máxima calidade”, subliñaron.
As obras, adxudicadas por un importe de 7.931.000 euros e cun prazo de execución de 16 meses, incluirán a mellora da accesibilidade na entrada do centro, a reorganización das habitacións desde a cuarta ata a oitava planta, a reordenación da parte central do núcleo da primeira planta e a creación dunha terraza transitable nesta mesma altura. Tamén se prevé a mellora do illamento exterior e unha renovación completa da estética do edificio, que pasará a ser predominantemente branca.