A Xunta inviste máis de 17.000 euros en asociacións veciñais de Castroverde

LugoXa
Os apoios permiten reforzar o equipamento e os espazos de convivencia de catro colectivos do municipio
Xunta-Local-social-Castroverde
13 Jan 2026

A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses máis de 17.000 euros a catro asociacións de veciños do municipio de Castroverde co obxectivo de mellorar o equipamento das súas respectivas sedes e favorecer a actividade social e comunitaria. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o local social da asociación cultural e veciñal Castro da Airexe, situado en San Miguel do Páramo, que incorporou novo equipamento básico de cociña que permitirá ampliar a súa programación con iniciativas de carácter gastronómico.

En concreto, o Goberno galego concedeu a esta entidade unha axuda superior aos 3.000 euros destinada á adquisición e instalación dun lavalouzas e de mesas de madeira. Estes apoios súmanse aos 15.000 euros recibidos na convocatoria do ano 2022, cos que se levaron a cabo obras de mellora e accesibilidade no inmoble, ademais da compra de equipamento básico para o seu funcionamento.

As subvencións forman parte do Plan específico de acción comunitaria dirixido a colectivos veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, impulsado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Na última edición deste programa resultaron tamén beneficiadas no municipio de Castroverde as asociacións veciñais de Miranda, A Caxigueira e Faxilde-A Pumarega.

O plan establece unha contía máxima de ata 12.000 euros para a execución de obras e de ata 5.000 euros para a adquisición de equipamento, cunha finalidade clara de habilitar e mellorar espazos de convivencia que contribúan a fortalecer o asociacionismo veciñal. Neste contexto, Javier Arias puxo en valor a función que desenvolven estas entidades como elementos clave de cohesión social e dinamización cultural no medio rural, ao tempo que destacou o compromiso da Xunta para “apoiar o seu funcionamento e as iniciativas coas que unen aos veciños e veciñas de barrios e parroquias”.

⚙ Configurar cookies
0.083009004592896