A Xunta lamenta que o Concello de Lugo rexeite a súa colaboración para mellorar o aparcadoiro das Gándaras

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, expresou a súa decepción ante a negativa do Concello de Lugo a aceptar a axuda ofrecida polo Goberno galego para cofinanciar a reforma do aparcadoiro situado no campo de fútbol das Gándaras.
Segundo explicou, esta proposta respondía ao compromiso adquirido coa veciñanza e coas familias dos clubs deportivos que utilizan estas instalacións ao longo do ano e que padecen as incomodidades derivadas do seu deterioro.
Arias lembrou que a mellora deste espazo é unha demanda histórica dos seus usuarios, “que levan moito tempo solicitando unha intervención”, polo que valorou como positivo que “o goberno local, por fin, asuma a súa responsabilidade e acometa unha obra urxente e necesaria”.
En resposta ás declaracións do concelleiro de Xuventude e Deportes, quen asegurou que a Xunta non fixera nada neste proxecto, o representante autonómico defendeu que o Executivo galego “participou activamente nas xestións para determinar quen era o titular do terreo, paso fundamental para poder actuar”.
O delegado considerou “paradóxico” que o Concello reclamase inicialmente á Xunta que asumise a mellora do aparcadoiro e que, “unha vez aclarado que a parcela pertence ao Ministerio de Defensa e, mesmo así, ofrecéndonos a financiar parte dos traballos, agora rexeiten a colaboración e afirmen que non fixemos nada”. Arias concluíu que “está claro quen actúa de cara á galería e quen non”.