A Xunta lanza a campaña “Nestas datas, que non sobren as sobras!”

GaliciaXa | LugoXa
A iniciativa inclúe accións nos mercados municipais e promove o aproveitamento dos alimentos con receitas e consellos prácticos
Xinta-Lugo-PP-Desperdicio-alimentario-Entroido
16 Feb 2026

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias, presentou no mercado de Quiroga Ballesteros de Lugo a campaña “Nestas datas, que non sobren as sobras!”, unha iniciativa do Goberno galego que busca concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir o desperdicio alimentario nos fogares durante a celebración do Entroido.

Esta acción, que se está a desenvolver nas sete cidades galegas, pretende promover un consumo consciente e responsable, lembrando que cada xesto conta para coidar os recursos e protexer o medio ambiente.

Durante a visita, Javier Arias destacou a relevancia de achegar estas mensaxes directamente á veciñanza, especialmente nos mercados municipais, que considera espazos de proximidade, de consumo responsable e de aposta polo produto local. Subliñou tamén que “é fundamental evitar as compras compulsivas, sobre todo nestas datas sinaladas, para que non teñamos que tirar moita desa comida” e animou á cidadanía a “aproveitar mellor os alimentos e recuperar bos hábitos da nosa cultura gastronómica”.

Como elemento simbólico da campaña, están a repartirse culleres de madeira cun código QR que permite acceder a receitas de aproveitamento con produtos típicos do Entroido, ofrecendo ideas prácticas para aplicar nos fogares. En total, distribuiranse arredor de 2.000 culleres en 15 mercados municipais de toda Galicia.

A iniciativa, que xa contou con boa acollida durante as pasadas festas de Nadal, enmárcase nas políticas da Xunta orientadas a fomentar a economía circular, reducir a xeración de residuos e avanzar cara a un modelo de consumo máis sostible e responsable.

⚙ Configurar cookies
0.079663038253784