A Xunta lanza en Lugo o proxecto piloto Lectura Sénior para residentes maiores

A residencia de maiores das Gándaras en Lugo acolle o proxecto piloto Lectura Sénior, impulsado pola Xunta, co obxectivo de promover o acceso dos residentes a recursos culturais e de entretemento adaptados aos seus gustos. A Biblioteca pública autonómica de Lugo colabora na iniciativa achegando periódicamente libros, música, películas e outros materiais seleccionados en función das preferencias dos usuarios.
O delegado territorial, Javier Arias, presentou o proxecto xunto cos directores territoriais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández, e de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas, ambos departamentos implicados na actividade experimental. Para garantir a adecuación da oferta cultural, realizouse unha primeira avaliación do interese entre os residentes, seguida de enquisas que determinaron os formatos preferidos, as temáticas máis demandadas e a frecuencia coa que desexan acceder aos préstamos.
En base a estes resultados, a Biblioteca fará unha selección mensual de títulos que levará á residencia, e tamén se organizarán visitas dos propios usuarios ás instalacións do centro situado na avenida de Ramón Ferreiro. Arias destacou que a iniciativa ofrece aos participantes “as máximas facilidades para desfrutar de lecturas, música ou cinema do seu gusto dentro do extenso catálogo que xestiona a Biblioteca da Xunta”, contribuíndo así ao benestar, á inclusión, á estimulación cognitiva e á socialización dos residentes. Unha vez avaliado o funcionamento desta experiencia piloto, estudarase a súa posible extensión a outros centros da rede autonómica.