A Xunta levará a cabo cursos para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil en Cervantes

A Xunta de Galicia levará a cabo en Cervantes entre os meses de marzo e abril tres cursos destinados ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil.
O primeiro destes cursos será unha formación básica, que proporcionará os coñecementos elementais necesarios para o desempeño das funcións propias do colectivo. Este curso desenvolverase os días 15, 16, 22 e 23 de marzo.
Ademais, o 5 de abril terá lugar unha xornada específica sobre o uso e manexo de desfibriladores externos, ofrecendo formación para a realización de reanimación cardiopulmonar en situacións de emerxencia.
Finalmente, o 12 de abril dará comezo un curso centrado nos incendios urbanos e forestais, estruturado en cinco sesións que se estenderán ata finais de mes.