A Xunta licita a compra dun novo microscopio cirúrxico para neurocirurxía no HULA

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, acaba de sacar a licitación a compra dun microscopio cirúrxico compacto de alta especialización neurociúrxica destinado ao servizo de neurocirurxía do Hospital Universitario Lucus Augusti. O investimento previsto ascende a 580.000 euros, segundo figura no anuncio publicado no Portal de Contratos de Galicia.
O novo equipamento resulta esencial para poder realizar intervencións neurocirúrxicas avanzadas, tanto en pacientes con patoloxías na columna como na cabeza, e suporá unha mellora substancial na capacidade técnica do hospital lucense.
Como parte do compromiso coa sustentabilidade ambiental, a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos inclúe neste proceso de contratación unha condición especial de tipo ecolóxico.
O adxudicatario deberá empregar envases, proteccións e embalaxes fabricados con materiais reciclados, contribuíndo así á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, á diminución da pegada de carbono, a unha xestión máis eficiente da auga e ao uso de enerxías renovables, en consonancia coas certificacións ambientais coas que xa contan o HULA e o Hospital Público da Mariña.
As empresas interesadas en participar no procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 4 de agosto para presentar as súas ofertas.