A Xunta licita, en 711.000 euros, a mellora dun tramo da estrada de Becerreá a Sarria
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar as obras de reforzo do firme nun tramo da estrada LU-636, que une Becerreá con Sarria, ás que destina un orzamento de 711.415 euros.
A actuación afectará ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 22 e 31,140, ao paso do vial polo concello de Becerreá, e ten un prazo de execución de seis meses.
Os traballos que se veñen de licitar suporán a reparación das partes deterioradas e a reposición do firme en toda a calzada con tratamento asfáltico e rego de selado. Nos últimos catro quilómetros, ata acceder á localidade becerrense, aplicarase mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.
Así mesmo, nos tramos en curva instalaranse barreiras e cunetas de seguridade polas marxes interiores. Posteriormente, renovarase a sinalización horizontal en todas as zonas de actuación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que esta intervención está incluída nun proxecto de reforzo do firme en tres estradas autonómicas, que tamén contempla melloras na LU-546 e na LU-741. Todas estas obras saen hoxe a licitación por un importe total próximo a 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o 19 de abril.