A Xunta licita o servizo de actividades da aula da natureza do Veral
A Xunta licitou esta semana por un orzamento inicial de 156.827,06 euros, IVE incluído, o servizo para a elaboración e execución de campañas e actividades divulgativas, de sensibilización e de concienciación ambiental a través das aulas da natureza de Siradella, no Grove, e O Veral, en Lugo.
Cunha vixencia de tres anos —2024, 2025 e 2026— aínda que prorrogable por outro exercicio máis, o obxecto principal deste contrato é contribuír a difundir os valores propios da Rede Natura 2000 e dos espazos naturais protexidos da Comunidade así como da biodiversidade e dos diferentes tipos de hábitats que albergan.
Deste xeito, nestas dúas aulas da natureza, os escolares e grupos organizados que asistan a algunha destas actividades poderán experimentar accións educativas ambientais que teñen como obxectivo fomentar o interese e curiosidade por descubrir e coñecer a contorna, proporcionando para isto materiais e instrumentos adecuados que faciliten e motiven a aprendizaxe e o coñecemento dos espazos protexidos.
En todo caso e aínda que as actividades se desenvolverán principalmente nas propias instalacións de Siredella e O Veral, o contrato tamén prevé que ambas aulas teñan unha proxección didáctica fóra do seu espazo.
A tal fin resérvase para o período de vixencia do contrato unha bolsa de 300 horas en cada unha delas para este tipo de actuacións, que incluirán desprazamentos a centros educativos, socioculturais ou sedes doutras asociacións e entidades interesadas na materia e pertencentes aos concellos do Grove e de Lugo ou a outros puntos de Galicia.
Segundo consta na memoria xustificativa, o equipo técnico necesario para prestar o servizo deberá estar integrado, como mínimo, por catro persoas: dous técnicos especialistas e dous monitores ambientais.
Función das aulas da natureza
O patrimonio natural e a biodiversidade desempeñan unha función social salientable pola súa estreita relación coa saúde e o benestar das persoas, e pola contribución que fan tamén ao desenvolvemento social e económico de Galicia.
Co fin de potenciar esta función, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda exerce as competencias de divulgación dos valores do patrimonio natural a través das aulas da natureza situadas en espazos naturais protexidos ou áreas amparadas baixo algún instrumento internacional, organizando desde elas actividades de sensibilización e campañas de comunicación.
Estas instalacións melloran a oferta de uso público deste tipo de espazos e contribúen ao desenvolvemento de condutas e actividades positivas orientadas á conservación do medio ambiente, xa que nelas se fomenta a sensibilidade, a creatividade e a capacidade dos visitantes para valorar o medio ambiente.