A Xunta licita obras viais por valor de 3,5 millóns de euros en Cospeito, Abadín, Lugo e Castroverde
A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por un importe de 3.584.987 euros as obras de reforzo do firme nas estradas autonómicas LU-113, no seu percorrido polos municipios de Cospeito e Abadín, e na LU-530, ao seu paso polo concello de Lugo e de Castroverde.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta contratación, establecendo como prazo ata o vindeiro 27 de xaneiro para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. O prazo de execución das obras fíxase en 6 meses.
De xeito máis concreto, na estrada LU-113, actuarase nun tramo de algo máis de 12,6 quilómetros de lonxitude, entre os puntos 10+000 e 20+180, no municipio de Cospeito; e desde o punto quilométrico 20+180 ao 22+780, xa no concello de Abadín.
Na LU-530, intervirase nunha lonxitude total de 16,4 quilómetros. Neste caso actuarase no treito que vai desde o quilómetro 3+600 ao 12+640, no seu percorrido polo municipio de Lugo; e no treito que continúa desde o punto 12+640 ao 20, no concello de Castroverde.
As actuacións teñen como obxecto a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación nos distintos treitos destas dúas estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.
As intervencións obxecto deste contrato non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas están incluídas dentro da franxa de dominio público.
O departamento que dirixe Allegue continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando este ano 68 millóns de euros á súa conservación.