A Xunta mellora a contorna da Muralla retirando elementos da campaña arqueolóxica

LugoXa
En fases posteriores, está previsto reforzar a protección dos restos arqueolóxicos mediante a substitución da lona xeotéxtil que os cobre
Valado-Tinería-Muralla-de-Lugo
3 Feb 2025

A Xunta de Galicia iniciou  os traballos para mellorar a imaxe da contorna da Muralla de Lugo, concretamente no tramo comprendido entre a rúa dos Fornos e Recanto do Miño.

A intervención ten como obxectivo eliminar os elementos instalados durante a campaña de escavacións arqueolóxicas que se desenvolveu na zona e que producían un impacto visual sobre o monumento.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os traballos deron comezo esta mañá coa retirada do peche de lamas de madeira situado xunto ao adarve, na parcela próxima ao aparcadoiro do hospital Quirón. Este peche será substituído por unha varanda metálica máis baixa, integrada e permeable, que permitirá unha mellor visión do contorno desde a Muralla.

A nova varanda terá unha altura de aproximadamente 100 centímetros e estará composta por redondos de aceiro galvanizado separados cada 10 centímetros, cun acabado en pintura efecto forxa de cor negra. Este deseño mantén a coherencia coas varandas empregadas noutras actuacións previas, como a das escaleiras do cubo XVIII.

Ademais, procedeuse á retirada do valado de chapa galvanizada que delimitaba o perímetro da zona escavada. No seu lugar, instalarase unha varanda de madeira que harmoniza mellor co contorno do monumento. Tamén se desmantelarán dous postes metálicos situados na zona.

En fases posteriores, está previsto reforzar a protección dos restos arqueolóxicos mediante a substitución da lona xeotéxtil que os cobre, ademais de realizar un aporte vexetal para regularizar o terreo.

Javier Arias subliñou que estas actuacións buscan mellorar esteticamente este espazo, se ben son medidas provisionais á espera de que o desenvolvemento urbanístico da unidade de intervención UI7 permita definir o seu uso definitivo.

0.17940092086792