A Xunta mellora a vía entre Tarríos e Novelúa en Monterroso cun investimento de 48.100 euros

A Consellería do Medio Rural destinou 48.100 euros á mellora da vía que comunica Tarríos e Novelúa, no municipio de Monterroso, dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2025, que busca aumentar a accesibilidade nas zonas rurais galegas. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou recentemente a zona para comprobar os resultados desta intervención.
A actuación centrouse na renovación do firme ao longo de aproximadamente 1,1 quilómetros, na mellora da drenaxe e no reforzo da sinalización vertical e horizontal, co obxectivo de garantir un tránsito máis cómodo e seguro para os usuarios.
Arias destacou a importancia destas obras para a mobilidade dos veciños e veciñas e para a conectividade entre distintos núcleos de poboación do municipio. Este ano, a Consellería do Medio Rural destina un total de 1,8 millóns de euros a acondicionar infraestruturas viarias en 25 concellos da provincia de Lugo, con proxectos orientados a mellorar a calidade de vida e a mobilidade nas zonas rurais.