A Xunta ofrece en Lugo case 2.500 prazas para mocidade na campaña Modo Verán Activo

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A programación inclúe campamentos, campos de voluntariado e actividades culturais e deportivas en sete instalacións da provincia
campamento-Os-Chacotes-Palas-de-Rei
10 Jul 2025

A Xunta de Galicia pon a disposición da mocidade da provincia de Lugo preto de 2.500 prazas dentro da campaña Modo Verán Activo, unha proposta estival que reúne campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e outras actividades de carácter lúdico, deportivo e cultural pensadas para a rapazada.

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, visitou unha das propostas incluídas nesta campaña: o campamento xuvenil multiaventura de Os Chacotes, en Palas de Rei, que durante os meses de xullo e agosto desenvolverá catro quendas destinadas a participantes nados entre os anos 2007 e 2012.

O programa do campamento ofrece actividades como kaiak, bicicleta de montaña, escalada en rocódromo, tiro con arco, láser tag, tríatlon, técnica de vivac e piscina, xunto con roteiros e visitas culturais pola contorna.

Arias subliñou que os campamentos son a opción máis solicitada polas familias e a que concentra maior número de prazas dispoñibles. A provincia de Lugo acollerá un total de 31 quendas repartidas en sete instalacións diferentes.

Ademais dos Chacotes, participan na campaña os albergues xuvenís de Area, en Viveiro; Benigno Quiroga, en Portomarín; A Devesa, en Ribadeo; Lug II, na capital lucense; o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá; e o municipio de Carballedo.

As temáticas das actividades son diversas e inclúen propostas mariñas e náuticas, aventuras ao aire libre, deporte, música, novas tecnoloxías e iniciativas relacionadas co territorio e o medio natural, como traballos de horta, recolección de produtos ou observación de fauna de alta montaña na serra dos Ancares.

Arias destacou tamén que, alén de favorecer a conciliación familiar durante o verán, estas experiencias permiten á mocidade gozar dun tempo de lecer saudable, fomentar a convivencia e adquirir novos coñecementos nun entorno lúdico e formativo.

⚙ Configurar cookies
0.14519786834717