A Xunta ofrece "préstamos inmediatos" ás empresas do Ceao afectadas polo incendio

LugoXa
O presidente autonómico visitou a zona afectada polo lume, e asegurou que foi unha “desgraza contida” xa que “puido desaparecer o polígono do Ceao”.
lugo incendio o ceao feijoo
13 Apr 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprobou na tarde deste luns o impacto do incendio rexistrado no polígono industrial do Ceao e ofreceu asesoramento e "capital e préstamos inmediatos" ás empresas afectadas.

Foi unha “desgraza contida” e “limitada” xa que “puido desaparecer o polígono do Ceao”. “O vento era forte” e a pesar dos “miles de metros cúbicos de auga” utilizados “aínda non está apagado”, explicou o titular do Executivo autonómico.

Feijoo confesou que temeu "o peor" ao saber que o lume se achegaba a unha gasolineira e a unha rotativa. “Puido custar moitas vidas, destruír moitas empresas e levar moitísimas familias definitivamente a quedar sen traballos e a moitísimos empresarios a quedar sen empresa”. Nese senso, valorou que “no momento clave cambiou o vento e fixo que se salvasen estas naves... Se seguise como se iniciou, probablemente estabamos nun polígono abatido”, recoñeceu.

ASESORAMENTO E CRÉDITOS

O mandatario autonómico aproveitou a visita á zona cero do incendio do Ceao para trasladar a disposición da Xunta “tanto para asesorar en materia de seguros como para garantir circulante e préstamos inmediatos mentres non se executen as pólizas de seguros para poder reiniciar a actividade. E, se así o consideran, mesmo para poder modernizar as súas instalacións”.

Neste contexto, avogou por “loitar” e conseguir “unhas indemnizacións de acordo cos danos”. Á policía científica correspóndelle “saber cal é a causa do lume”, engadiu.

Feijoo agradeceu ademais o seu traballo aos bombeiros de Lugo, aos efectivos que acudiron doutras localidades, á Axencia de Emerxencias de Galicia e a operarios que “nalgúns casos puxeron en risco as súas vidas”, posto que “non foi fácil” tratar de evitar que se propagasen as chamas.

0.10067200660706