A Xunta organiza en Lugo unha xornada de benestar dixital para familias este sábado

LugoXa
A iniciativa, promovida por Saúde Pública, combina actividades tecnolóxicas e tradicionais para fomentar un uso equilibrado das ferramentas dixitais
edificio-delegación-Xunta-Lugo
12 Dec 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, convidou ás familias lucenses a participar este sábado na Xornada de benestar dixital familiar, unha actividade que terá lugar na sede da Xunta entre as 12:00 e as 20:00 horas. Arias subliñou que se trata dunha proposta promovida pola Dirección Xeral de Saúde Pública, concibida con contidos educativos e lúdicos destinados a promover un equilibrio saudable entre o mundo dixital e o tempo compartido en familia.

O evento está pensado para que poidan participar persoas de todas as idades, é de acceso gratuíto e non precisa inscrición previa. Entre as propostas programadas inclúese unha competición interxeracional do Mario Kart, un obradoiro no que se ofrecerán pautas e ferramentas sobre os contidos máis axeitados segundo a idade, e outro centrado nas tendencias actuais do lecer dixital. Haberá tamén espazos para experiencias de ocio que combinan alternativas tecnolóxicas e opcións máis tradicionais, coa intención de reivindicar o valor de integrar ambos modelos na vida diaria.

As familias interesadas só deben achegarse á sede da Xunta en Lugo, situada na rolda da Muralla. Unha vez alí, cubrirán un formulario mediante un código QR, que permitirá recompilar información sobre os seus hábitos dixitais e datos persoais, co obxectivo de crear unha base de datos que facilite un seguimento posterior da implantación do plan.

Os cuestionarios recolleranse tanto en formato físico como por correo electrónico e serán almacenados para realizar unha avaliación ás catro semanas, coa finalidade de analizar as novas dinámicas adoptadas por cada familia e o impacto que teñen no seu día a día.

A Consellería de Sanidade xa desenvolveu esta xornada noutros puntos de Galicia, entre eles Santiago de Compostela, onde a experiencia tivo unha acollida positiva.

⚙ Configurar cookies
0.1298930644989