A Xunta propón varias actividades para celebrar o Mes da Ciencia en Galego en Lugo

LugoXa | SarriaXa
A Biblioteca Pública da Xunta na capital lucense acollerá catro accións enfocadas ao público infantil, tres obradoiros e a Furgoteca da Xunta levará experiencias de divulgación científica a varios concellos
Bilioteca-municipal-Lugo-Xunta
5 Nov 2024

A Xunta impulsa varias actividades en Lugo para celebrar o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou a Biblioteca Pública da Xunta na capital lucense, que acollerá catro accións enfocadas ao público infantil. A primeira será este venres, 8 de novembro, da man do mago David Méndez. Os asistentes poderán experimentar a maxia dos enganos visuais no espectáculo A óptica das ilusións.

Tamén están previstos tres obradoiros, un de alimentación saudable o 15 de novembro; Electrízate, o 22 de novembro, que ensinará aos nenos e nenas algúns fundamentos da electricidade e da tecnoloxía de maneira amena; e Vivir nas nubes, o 29 de novembro, un orixinal taller que convida a aprender a construír nubes a través da tecnoloxía da arquitectura inflable.

Ademais, a Furgoteca da Xunta levará experiencias de divulgación científica a varios concellos. Así, o CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e o CEIP Ricardo Gasset do Incio acollerán os días 5 e 22 de novembro, respectivamente, a presentación do Libro de experimentos abracadabrantes de Hugo Comas, na que un dos autores, Sergio Castro, fará unha serie de experimentos que axudarán a comprender conceptos científicos.

Así mesmo, o CPI de Cervantes albergará o 21 de novembro a presentación do libro Mulleres negras na ciencia, coa intervención da autora, Zinthia Álvarez Palomino.

0.20777106285095