A Xunta patrocina o partido de baloncesto do Breogán e o Joventut

LugoXa
Este apoio forma parte do convenio asinado co club para impulsar accións promocionais en escenarios deportivos
partido-baloncesto-breogan-xunta
21 Apr 2025

A Xunta patrocina o partido de baloncesto que disputarán este sábado 26 de abril o CB Breogán e o Joventut de Badalona no Pazo dos Deportes de Lugo a partir das 19,30 horas.

O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral do Breogán, Salva Arco, deron a coñecer hoxe esta colaboración, que se enmarca no convenio asinado recentemente polo que a Axencia de Turismo de Galicia achega un total de 242.000 euros para impulsar accións promocionais da comunidade nos eventos deportivos nos que participa o club lucense.

O acordo inclúe a difusión do patrocinio nos espazos de xogo, na vestimenta, en soportes audiovisuais, na web e en redes sociais. Un dos escenarios destas accións será tamén precisamente o encontro que se celebrará en Lugo o vindeiro sábado, considerado ademais un dos partidos referentes da tempada entre dous conxuntos clásicos da Liga ACB.

Arias puxo en valor o patrocinio anual da Xunta -a través de Turismo de Galicia- ao CB Breogán, “un acordo co que respaldamos a un club histórico do baloncesto galego, que aporta tanto á cidade de Lugo e ao conxunto de Galicia, co ánimo de que siga medrando ano tras ano”, e lembrou que esta acción contribúe ao mesmo tempo a promover o turismo deportivo como un elemento desestacionalizador do destino fóra dos meses de tempada alta.

O delegado territorial aproveitou para felicitar ao club polo bo traballo que están a facer esta tempada, na que ademais rexistran récord de abonados e un Pazo dos Deportes cheo en cada partido.

⚙ Configurar cookies
0.18031096458435