A Xunta pídelle ao Concello de Lugo que poña da súa parte para abrir o aparcadoiro do IES Ollos Grandes

LugoXa
Pola súa parte, o Goberno Local de Lugo aclarou que segue á espera dunha resposta da Xunta de Galicia respecto ao borrador do convenio para a apertura do aparcadoiro do Ollos Grandes
ies nosa señora dos ollos grandes
12 Feb 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo un chamamento ao Concello de Lugo para que convoque "o antes posible" a xunta local de seguridade, co fin de avanzar na firma dun convenio que permita a apertura ao público do aparcadoiro do IES Ollos Grandes "coas garantías legais necesarias".

Arias recordou que, durante a reunión mantida o pasado 8 de xaneiro, a alcaldesa de Lugo se comprometeu a convocar este órgano de coordinación "o máis axiña posible". Porén, o aparcadoiro continúa pechado, "cando a súa apertura axudaría a aliviar a escaseza de prazas de estacionamento na área".

O delegado explicou que a aprobación deste convenio é un "procedemento clave" para definir as competencias da Xunta e do Concello en materia de tráfico e seguridade viaria neste espazo de titularidade autonómica. Isto permitiría que a Policía Local se encargue da vixilancia e a tramitación de denuncias por infraccións de tráfico no aparcamento.

Arias tamén lembrou que a Xunta ten a intención de abrir o aparcadoiro do IES Lucus Augusti unha vez finalicen as obras de rehabilitación integral que actualmente está levando a cabo a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no centro educativo.

Finalmente, o delegado territorial instou ao goberno local a "cumprir co seu compromiso" e conceder a autorización municipal para iniciar as obras de drenaxe transversal no aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán. Este proxecto, que contou cunha inversión superior a un millón de euros por parte da Xunta, permitirá sumar 148 novas prazas de aparcamento á zona. A Administración autonómica leva meses agardando a licenza para poder actuar no dominio público municipal e solucionar os problemas de drenaxe de augas que afectan á rúa Monte Pena Rubia.

CONTESTACIÓN DO CONCELLO DE LUGO

O Goberno Local de Lugo aclarou que segue á espera dunha resposta da Xunta de Galicia respecto ao borrador do convenio para a apertura do aparcadoiro do Ollos Grandes. Segundo indicaron, o documento foi remitido ao servizo correspondente da administración autonómica o pasado 24 de xaneiro, pero ata o momento non recibiron nin a conformidade nin propostas de modificación.

En relación ás declaracións do delegado da Xunta en Lugo sobre as obras de drenaxe no aparcadoiro disuasorio da avenida Breogán, o Concello precisou que non é necesaria ningunha licenza para a súa execución, do mesmo xeito que non se requiriu para a construción do propio aparcadoiro. Ademais, aseguraron que a Xunta de Galicia tampouco solicitou ningún permiso ou autorización ata a data.

O Goberno Local lamenta a actitude do representante da Xunta en Lugo, a quen acusa de non colaborar e de buscar a confrontación. "Mentres os servizos municipais e os técnicos da administración autonómica avanzan en proxectos clave para a cidade, o delegado da Xunta mantén unha postura que só xera crispación", afirmaron fontes municipais.

ARIAS DI QUE A ALCALDESA MINTE

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, criticou as declaracións da alcaldesa de Lugo sobre os aparcadoiros, cualificándoas de "preocupantes, falsas e intencionadas" co fin de frear as iniciativas da Xunta na cidade.

Arias lembrou que o 23 de xaneiro a Delegación Territorial recibiu un correo do Concello co borrador dun convenio para abrir ao público o aparcamento do IES Ollos Grandes fóra do horario lectivo. Despois de revisar e modificar o documento, a Delegación respondeu o 31 de xaneiro ao mesmo destinatario. Arias cuestionou se a alcaldesa mentía deliberadamente ou se había unha falta de coordinación no Concello.

En canto ao aparcadoiro disuasorio da Avenida Breogán, o delegado explicou que o 15 de novembro de 2024, o Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas enviou ao Concello a solicitude de autorización para realizar obras de drenaxe no aparcadoiro, e que a Xunta decidiu asumir esas obras para axilizar a súa apertura.

Arias considerou paradóxico que, o mesmo día que a alcaldesa dicía que non era necesario dito permiso, se enviara un informe favorable do Servizo de Enxeñería do Concello á AXI.

Ademais, lembrou que a alcaldesa solicitara publicamente en outubro de 2024 que se pedira a autorización para os traballos, e que nunha reunión do 8 de xaneiro comprometeuse a axilizar os trámites. Segundo Arias, a alcaldesa cambiou de postura en pouco tempo, o que prexudica os veciños de Lugo.

0.17552900314331