A Xunta planificará novas vivendas de promoción pública no barrio de Paradai

LugoXa
Na xuntanza tamén se abordaron os trámites encamiñados a acometer a reforma da rúa Serra de Meira
Reunión-Xunta-Paradai-asociación-Paradai
23 Dec 2024

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación de veciños de Paradai, Christian Fernández, para analizar distintos proxectos de interese para o barrio impulsados pola Xunta.

Arias analizou co representante veciñal iniciativas autonómicas que terán repercusión na zona, como a planificación de novas vivendas de promoción pública no barrio ou a construción da futura estación intermodal, na que o Goberno galego asume a construción da estación de autobuses e dun aparcamento subterráneo con 240 prazas. “Esta infraestrutura, cuxa construción xa está en marcha, suporá unha remodelación e un revulsivo para toda a contorna”, subliñou.

Na xuntanza tamén se abordaron os trámites encamiñados a acometer a reforma da rúa Serra de Meira, no tramo entre a rotonda de Paradai e a avenida Adolfo Suárez, e, nese sentido, o delegado explicou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a preparar o expediente administrativo para contratar a actualización do proxecto, pendente de que o Concello de Lugo confirme a compatibilidade do Plan Xeral de Ordenación Urbana trala actuación levada a cabo pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na zona. Lembrou Arias, ademais, que os orzamentos do vindeiro ano reservan 500.000 euros para executar a obra.

O delegado territorial e o representante do colectivo veciñal acordaron convocar para o mes de xaneiro unha reunión cos veciños e veciñas de Paradai co obxectivo de informalos de primeira man sobre estes proxectos previstos para o barrio.

0.18064308166504