A Xunta pon en valor as permutas de terras de Friol

TerraChaXa | LugoXa
Trátase de acordos entre propietarios de predios rústicos para o seu intercambio consensuado, co fin de mellorar a competitividade das explotacións desas áreas rurais.
permutas terras gdr friol
12 sep 2023

Trátase de acordos entre propietarios de predios rústicos para o seu intercambio consensuado, co fin de mellorar a competitividade das explotacións desas áreas rurais.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou onte nunha mesa institucional do proxecto da ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas no concello lucense de Friol, no que se impulsaron en arredor de 400 hectáreas.

Segundo explicou Santé, trátase dunha ferramenta eficaz para a mobilización de terras. Así, indicou que o que caracteriza ás permutas de interese agrario é que son acordos entre propietarios de predios rústicos, para o intercambio das mesmas de carácter consensuado, bilateral e recíproco. Ademais, ao levarse a cabo en zonas nas cales non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas varias, mellorarase de forma exponencial a produtividade das explotacións desas áreas.

Estas permutas serán declaradas de especial interese agrario, o que implicará diferentes vantaxes, entre elas unha liña de axudas para financiar os gastos notariais e de inscrición no rexistro da propiedade destas permutas, asesoramento e mediación por parte da Axencia, traballos de limpeza ou a eliminación da necesidade de licenza de segregación.

O obxectivo principal desta actuación é poñer en práctica en tres zonas piloto con características diferentes o procedemento de ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas que permita avaliar a súa aptitude para aplicar o mesmo en zonas de características semellantes, nas que non haxa necesidade de máis infraestrutura viaria favorecendo tamén o nacemento de novas iniciativas. Con todo, os encargados de levar a cabo ditas iniciativas serán os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) das comarcas de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte. Este proxecto de cooperación cos GDR conta cunha axuda de 117.000 euros.

Para levalo a cabo, entre outras actuacións, crearase unha aplicación ou plataforma tecnolóxica que lle permitirá aos usuarios facer propostas de modificación territorial a través de permutas dunha área agraria determinada, así como implementar unha área virtual de estudo nos outros grupos como base de análise para tratar de implantar un piloto real nun territorio concreto.

0.180006980896