A Xunta pon en valor o traballo de AELU en favor das mulleres empresarias de Lugo

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, reuniuse coa presidenta da asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Anjhara Gómez, para coñecer o traballo que desenvolven desde esta entidade.
Neste sentido, reivindicou o labor que desenvolven na provincia a prol da igualdade de xénero real e efectiva. Quintiana sinalou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e o tecido social para avanzar nunha Galicia máis igualitaria, especialmente en sectores específicos como o laboral.
Así, trasladoulle o compromiso da Xunta para reforzar as medidas e programas destinados a visibilizar o papel das mulleres en todos os sectores e lembrou que en breve se porá en marcha a primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados.