A Xunta porá en venda 88.000 m² de solo no parque empresarial das Gándaras no 2022

LugoXa
La Xunta pondrá a la venta 88.000 m2 de suelo empresarial en el polígono de las Gándaras en el primer trimestre del año 2022.
xunta poligono gandaras
28 Dec 2021

A Xunta convocará no primeiro trimestre de 2022 o concurso de venda de solo no parque empresarial das Gándaras, co que se disporán 88.000 m2 para a instalacións de empresas.

Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou esta zona empresarial e fixo entrega ao Concello de Lugo, representado pola alcaldesa, Lara Méndez, das obras de urbanización da segunda fase.

Vázquez Mejuto salientou a función de polo empresarial das Gándaras non só para a provincia de Lugo, senón tamén para Galicia e destacou o compromiso do Goberno galego con esta área empresarial á que xa ten destinado 53 millóns de euros para actuacións executadas ou en curso.

Detallou que na actualidade neste parque hai dispoñibles 14 parcelas nos ámbitos xa urbanizados, que representan unha superficie de case 52.000 m2, ás que se suman as 27 que resultarán tras a execución das obras de urbanización da 3ª fase. Nese sentido, avanzou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé adxudicar en breve esta actuación, que permitirá crear unha bolsa de solo de case 36.000 m2, unha praza de máis de 3.000 m2 e case 140 prazas de aparcamento.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que este solo empresarial tamén se porá á venda cun prezo bonificado dun 50%, e engadiu que os empresarios que adquiriron 257.000 m2 neste parque da cidade de Lugo, xa se beneficiaron destes descontos cos que aforraron máis de 12 millóns de euros.

Vázquez Mejuto defendeu que este tipo de medidas son un atractivo para que as empresas aposten por Galicia. De feito, no ano 2021, a Xunta adxudicou 93 parcelas en 21 parques empresariais, que se traduciu nun aforro para os empresarios de 9,7 millóns de euros. “Tendo en conta que un terzo das parcelas adxudicadas (34) estaban localizadas nun parque empresarial de Lugo (7), o interese e potencial dos empresarios por esta provincia é patente”, aclarou.

Aclarou que a provincia de Lugo recibirá 6 millóns de euros para actuar, ademais de no parque das Gándaras, no Corgo, Muimenta, Cospeito, Palas de Rei, Castro de Ribeiras de Lea, A Pontenova e Taboada.

Por último, explicou que a implantación de empresas nos parques empresariais galegos está motivada tamén pola dilixencia e axilidade que o IGVS aplica na tramitación dos distintos expedientes das actuacións que se levan a cabo, tal e como puido comprobar a última das entidades que adquiriu solo nas Gándaras. “Esta simplificación e axilidade aínda se acentuará e blindará máis no ano 2022, defendeu, coa aprobación da primeira Lei de áreas empresariais de Galicia, que converterá a esta comunidade na primeira do Estado en contar cunha normativa específica.

0.15093493461609