A Xunta presenta a reestruturación parcelaria de Retizós en Baleira

A Xunta avanzou os detalles da futura reestruturación parcelaria que se levará a cabo na parroquia de Retizós, no municipio lucense de Baleira, cun investimento previsto de 1,75 millóns de euros. O proceso quedará oficialmente aberto nas vindeiras datas coa publicación no Diario Oficial de Galicia da declaración de utilidade pública, paso necesario para poñer en marcha os traballos.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, desprazouse ata o concello para presentar o plan, nun acto no que tamén participou o alcalde, Ángel Martínez-Puga. Durante a visita, Gómez destacou que está previsto actuar sobre máis de 775 hectáreas que actualmente se reparten en 1.661 parcelas catastrais que ocupan 755 hectáreas en mans de 178 propietarios. A superficie media dos predios é duns 4.500 metros cadrados, dimensión que se aspira a incrementar para mellorar a súa rendibilidade.
A titular de Medio Rural sinalou que esta reestruturación favorecerá especialmente ás sete explotacións da parroquia, maioritariamente dedicadas ao vacún de leite, que verán ampliada a súa base territorial e reducidos os custos de produción. Subliñou ademais o impacto deste tipo de actuacións na loita contra o minifundismo e no aproveitamento das terras produtivas, incidindo no papel que xoga a reorganización da propiedade para evitar o abandono do rural.
Gómez avanzou que a Xunta seguirá apostando por estes proxectos de cara a 2026, ano no que se inclúe o inicio dos traballos en Baleira dentro dun orzamento global de 16,7 millóns de euros, case catro máis que no exercicio precedente. Lembrou tamén que desde 2020 se completaron 35 concentracións parcelarias e que desde 2021 se decretaron outras 29, citando como exemplos recentes a entrega dos títulos nas zonas de Xunqueira de Ambía e Oroso, ás que se sumarán novas áreas ao longo dos próximos meses.