A Xunta presenta á veciñanza de Castelo as melloras na estrada LU-530
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse con veciños de Castelo para presentarlles as medidas que se van levar a cabo co obxectivo de mellorar a seguridade na estrada autonómica LU-530 ao seu paso por este núcleo, situado nas proximidades da cidade e que ten aumentado considerablemente a súa poboación nos últimos anos. O Goberno galego destinará máis de 132.000 euros á primeira fase destes traballos, que comezará a executarse nas vindeiras semanas coa previsión de que estea rematada no primeiro semestre do ano.
Esta primeira fase contempla a adecuación de varios tramos dunha senda peonil -que se completará na segunda e última fase- e a implantación de dous novos pasos de peóns nos puntos quilométricos 1+640 e 2+060 desta vía, na contorna das paradas de transporte público recentemente acondicionadas pola Xunta en Castelo.
No tocante á senda peonil, o delegado lembrou que será semellante á que se construirá na estrada LU-234 en Ombreiro, cun investimento de 610.500 euros, e que foi anunciada a semana pasada pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Neste senso, explicou que, “conscientes das dificultades existentes na tramitación para a ocupación de terreos fóra do dominio público que precisaríamos para a execución da senda da LU-530 en toda a súa lonxitude, e co ánimo de axilizar ao máximo os traballos, nesta primeira fase acondicionaremos os tramos imprescindibles para poder implantar os pasos de peóns”. Isto suporá adecuar tres tramos de senda, que suman uns 360 metros de percorrido.
Nesta primeira fase procederase tamén ao estreitamento dos carrís de circulación da estrada autonómica en todo o tramo limitado a 50km/h, que pasarán dos 3,50 metros de ancho actuais a 3,20 metros, o que permitirá aumentar as beiravías e, con iso, incrementar tamén a seguridade dos peóns que circulen por elas. Así mesmo instalaranse balizas cilíndricas reflectoras, para favorecer que os condutores visualicen mellor a separación carril-beiravía e diminúan a velocidade, e reforzarase tanto a sinalización horizontal como a vertical, coa colocación de carteis luminosos, co obxectivo de transmitir aos usuarios da vía que circulan por un tramo de estrada de características singulares e que, polo tanto, deben adecuar a súa condución a esas circunstancias.
Arias valorou a “repercusión positiva” que estas medidas terán sobre a seguridade dos veciños e veciñas de Castelo e doutros núcleos próximos que circulan pola zona e coas que “demostramos unha vez máis que estamos ao carón da veciñanza, xa que con estes traballos damos resposta ás demandas que nos trasladaron na xuntanza que mantivemos o pasado mes de agosto na Delegación Territorial”. Neste sentido, lembrou que o Servizo provincial de Estradas comezou a traballar entón na elaboración dun estudo exhaustivo do tramo da estrada LU-530 comprendido entre o seu punto inicial (pk 0+850) e o enlace da A-6 que permitiu definir as actuacións que se presentaron, e destacou ademais que “só uns días despois daquela reunión adoptamos xa a primeira das medidas”, que consistiu na ampliación do tramo de redución de velocidade a 50 km/h ata a altura da intersección da estrada autonómica coa LU-P-2927.
O ánimo de colaboración da Xunta na mellora tanto da mobilidade como da seguridade viaria na estrada LU-530 viña xa quedando patente nos últimos anos con outras actuacións como a instalación dunha marquesiña e a adecuación dun espazo para permitir a manobra dos autobuses no Carqueixo.