A Xunta presenta ante o empresariado de Lugo as axudas para os autónomos e pemes

LugoXa
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais e a directora do Igape participaron nunha xornada informativa das axudas, organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia (APE)
Pablo-Fernández
Xornada informativa das axudas da Xunta
24 Maio 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron en Lugo nunha xornada informativa das axudas da Xunta dirixidas a persoas traballadoras autónomas e pemes organizada pola Asociación de Autónom@s e Pequenas Empresas de Galicia (APE). Alí, o secretario xeral fixo especial fincapé en medidas como a cota cero dispoñible para novas altas de persoas autónomas ou o programa de 1ª experiencia profesional  para incentivar a contratación de menores de 30 anos desempregados.

Canto á cota cero, trátase dunha partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100 % a cota reducida dos novos autónomos durante os doce primeiros meses de actividade. Con prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro, forma parte dos 28,9 millóns convocados para, ademais, financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia.

Sobre o programa de 1ª experiencia profesional, o prazo de solicitude para as empresas tamén se prolonga ata o 30 de setembro, cun orzamento global de case 4,2 millóns e contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada co gallo de facilitar o seu acceso ao mercado laboral. A previsión é apoiar a empregabilidade de entre 250 e 410 menores de 30 anos mediante contratos formativos de doce meses de duración, dotándoos de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.

Tamén recordou que ata o 28 de xuño pódense solicitar as achegas que cun orzamento de 6,5 millóns de euros beneficiarán as persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, para impulsar o emprendemento mediante o financiamento dos custos de adquisición de equipamento informático ou para eficiencia enerxética.

Mirando ás persoas traballadoras autónomas, Pablo Fernández referiuse a dous programas de axudas que suman 9,5 millóns: para que traballadores autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva e para os profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade.

Por último, o secretario xeral referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que ten xa 13 centros activos en toda Galicia, á espera de que se inauguren dous máis. No marco deses Polos, segundo dixo, estase a impulsar un Plan de remuda para garantir a continuidade do tecido produtivo galego e véñense de publicar microguías de emprendemento para orientar na apertura de negocios.

0.18707394599915