A Xunta presenta en Lugo o programa Nexos para fomentar a I+D+i colaborativa

LugoXa
O novo plan, dotado con 28 millóns de euros, apoia proxectos entre empresas e centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos
CEL-Nexos-Xunta-Lugo
3 Sep 2025

A Xunta de Galicia iniciou en Lugo a rolda de obradoiros informativos sobre o programa Nexos, a maior convocatoria de axudas para impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas, con apoio de centros de coñecemento, dotada con 28 millóns de euros.

A primeira sesión celebrouse na Confederación de Empresarios de Lugo, coa presenza de Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación.

Estas xornadas teñen como obxectivo explicar todas as características do programa e resolver as dúbidas de posibles beneficiarios, podendo participar agrupacións de entre tres e seis empresas, especialmente pemes, que realicen proxectos de I+D+i en colaboración.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Nexos prevé mobilizar 47 millóns de euros, apoiar 50 proxectos e beneficiar 200 empresas ao longo de catro anualidades ata 2028.

Entre as novidades desta convocatoria destaca a priorización de ámbitos estratéxicos para Galicia —agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía, e fabricación avanzada—, así como a simplificación na xustificación dos custos das axudas.

Carmen Cotelo destacou que o obxectivo é impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i, en beneficio da sociedade, promovendo proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa e de procesos.

⚙ Configurar cookies
0.19448709487915