A Xunta presentou a apertura de prazo para as escolas infantís de 0 a 3 anos nunha visita a un centro de Lugo

LugoXa
A Xunta abre desde o 17 de marzo e ata o 7 de abril o prazo para solicitar praza nos centros de 0 a 3 anos, con 1.133 vacantes na provincia
escola-infantil-A-Nosa-Señora-do-Sagrado-Corazón-Lugo
16 Mar 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a escola infantil pública autonómica A Nosa Señora do Sagrado Corazón, na cidade de Lugo, onde lembrou que a partir de mañá martes abrirase o prazo para solicitar praza nas escolas infantís públicas autonómicas de cara ao curso 2026-2027.

O proceso permanecerá aberto ata o 7 de abril e permitirá ás familias galegas optar a algunha das máis de 10.500 prazas ofertadas en centros de 0 a 3 anos dependentes da Administración autonómica. Deste total, 1.133 corresponden a escolas infantís situadas na provincia de Lugo.

A convocatoria do procedemento de adxudicación destas prazas publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e inclúe os centros de 0 a 3 anos xestionados pola Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

As solicitudes poderán presentarse mediante o formulario habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia ou de forma presencial en calquera dos rexistros oficiais. Segundo o calendario previsto, o 6 de maio daranse a coñecer as listas provisionais de persoas admitidas, abríndose un prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións entre o 7 e o 13 de maio.

As listas definitivas publicaranse o 29 de maio. A partir dese momento iniciarase o período para formalizar a matrícula, que se prolongará durante dez días hábiles, entre o 1 e o 12 de xuño. O curso escolar nas escolas infantís comezará o venres 4 de setembro.

Entre as novidades deste ano destaca o incremento da puntuación na baremación para as familias nas que traballan ambos proxenitores ou o único proxenitor no caso das familias monoparentais. Ademais, establécese un acceso prioritario para as vítimas de violencia de xénero.

O curso 2026-2027 será o quinto en Galicia no que a atención educativa de 0 a 3 anos será totalmente gratuíta para todo o alumnado en todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade. Esta política permitiu que a comunidade revalidase este ano, por terceira vez consecutiva, o liderado estatal na taxa de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, cunha porcentaxe próxima ao 65%, arredor de 15 puntos por riba da media nacional.

Galicia foi tamén a primeira comunidade en implantar a gratuidade en todas as escolas infantís, tanto nas dependentes da Xunta como nas xestionadas por concellos, entidades de iniciativa social ou centros privados. Grazas a esta medida, máis de 32.000 familias poden levar aos seus fillos á escola infantil que escollan e recibir atención educativa de balde durante oito horas ao día e once meses ao ano.

Para manter este programa, o Executivo autonómico destina cada ano máis de 68 millóns de euros de fondos propios, unha iniciativa que supón para os fogares un aforro aproximado de 4.000 euros.

0.11880493164062