A Xunta presume de mellorar a imaxe da rotonda de acceso a Lugo desde Portomarín

LugoXa
Ademais de mellorar a estética da infraestrutura, incorporáronse letras co nome de Lugo en cor branca
PP-rotonda-Lugo-con-Portomarín
28 Mar 2025

A Xunta de Galicia levou a cabo unha mellora na rotonda situada ao inicio da estrada autonómica LU-612, que conecta Lugo con Portomarín, nas proximidades do barrio da Ponte. A actuación tamén favorece a conexión desta zona da cidade coa Ponte Branca.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou o resultado dos traballos, que foron executados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cun investimento de 48.300 euros. Arias lembrou que esta actuación responde a unha demanda veciñal, que solicitaba unha intervención para mellorar a integración paisaxística da rotonda na contorna.

Ademais de mellorar a estética da infraestrutura, incorporáronse letras co nome de Lugo en cor branca, situadas de maneira que sexan claramente visibles para os condutores que acceden á cidade desde a estrada de Portomarín.

O delegado territorial destacou que esta glorieta ten unhas amplas dimensións e está situada nunha vía con alto volume de tráfico, onde a súa principal función é garantir a seguridade viaria. Con esta intervención, segundo Arias, "lógrase unha mellor imaxe ao tempo que se aposta por unha solución que facilita o mantemento sen afectar ao tránsito de vehículos".

⚙ Configurar cookies
0.61991214752197