A Xunta prevé iniciar en 2026 as obras do novo centro de saúde de Becerreá

A deputada autonómica e portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, visitou os terreos onde a Xunta construirá o novo centro de saúde en Becerreá acompañada polo portavoz popular José Fernández Carrete e concelleiros do PP no municipio lembrou que os orzamentos autonómicos para 2026 reservan xa 1,27 millóns de euros para o inicio das obras dun proxecto que permitirá dotar á comarca dun servizo sanitario de referencia adaptado ás necesidades actuais da veciñanza e ás novas tecnoloxías do Sergas.
Amigo destacou que o Executivo galego reafirma o seu compromiso coa mellora da atención sanitaria no rural lucense, en particular na comarca da Montaña, mediante unha infraestrutura moderna e funcional que contará cun investimento total previsto de 3,2 millóns de euros.
O proxecto atópase actualmente en fase de redacción tras a licitación aprobada pola Consellería de Sanidade cun importe próximo aos 270.000 euros e recolle a construción dun edificio duns 2.150 metros cadrados de superficie útil que integrará áreas asistenciais, administrativas e espazos de apoio técnico.
O novo centro de saúde contará con tres consultas de medicina de familia e tres de enfermaría, así como sala polivalente, área administrativa e zonas de atención ao público. Incluirá ademais unha unidade de odontoloxía e outra de fisioterapia para ofrecer atención integral sen necesidade de desprazamentos e incorporará un Punto de Atención Continuada renovado, con sala de observación e box de críticos, reforzando a capacidade de resposta en situacións de urxencia.
Esta nova infraestrutura substituirá ás actuais instalacións, consideradas xa insuficientes para a demanda asistencial dun municipio clave na montaña lucense e cabeza comarcal en servizos sanitarios.
A actuación forma parte da estratexia da Xunta para fortalecer a atención primaria no rural, garantir a equidade territorial no acceso aos servizos e modernizar os centros de saúde da provincia de Lugo, de cara a contar cun centro sanitario do século XXI máis accesible, con mellores condicións para profesionais e pacientes e integrado na rede dixital e asistencial do Sergas.
A administración autonómica lembrou que o investimento sanitario previsto na área de Lugo para 2026 supera os 700 millóns de euros, reforzando así a aposta polo fortalecemento dos servizos públicos na provincia.