A Xunta promove potenciar o uso socio dos terreos forestais na contorna dos lagos de Teixeiro
A Consellería do Medio Rural promove potenciar o uso socio recreativo dos terreos forestais na contorna dos lagos de Teixeiro, no termo municipal de Lugo.
Con este motivo, o departamento de María José Gómez investiu preto de 80.000 euros en diferentes actuacións relacionadas coa xestión forestal e o aproveitamento turístico e socio-recreativo desta área. Cara ao futuro, está previsto un investimento doutros 275.000 en accións encamiñadas á posta en valor desta zona.
A propia titular de Medio Rural, acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou os resultados das actuacións levadas a cabo. Así, estes labores, que se enmarcan na Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas e no Plan Forestal de Galicia, baseáronse en tratamentos silvícolas na carballeira de Labio e no mantemento de infraestruturas forestais, especialmente de pistas. Con todas estas intervencións, afóndase na silvicultura adaptativa e sustentable das masas na contorna.
Nos vindeiros meses seguirase actuando na contorna, especialmente no ámbito da defensa fronte os incendios forestais. Deste xeito, os traballos consistirán na apertura e limpeza de cunetas e cortalumes, na creación de obras de drenaxe en pistas forestais e na mellora da capa de rodadura, todos eles no monte de Arco de Santa María e Penalba, propiedade da comunidade de montes de Teixeiro.
Tamén se realizarán rozas mecanizadas e acometerase o acondicionamento de camiños mediante motoniveladora no monte de Labio. Todo este traballo complementarase coa mellora de construcións da área recreativa, así como nos sendeiros, xunto coa programación de accións divulgativas e informativas sobre o interese deste espazo natural.