A Xunta promove unha campaña de promoción e sensibilización do deporte feminino de Lugo
A Xunta promove unha campaña de promoción e sensibilización do deporte feminino en colaboración con catro equipos lucenses que compiten na máxima categoría nas súas respectivas disciplinas.
A iniciativa está enmarcada na programación de actos con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, cada club adica un partido a sensibilizar sobre a igualdade e a poñer en valor o deporte feminino.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou nos actos de presentación dos próximos encontros que disputarán o Emevé e o Ensino dentro desta campaña.
Así, os valores do 25N estarán presentes o sábado 23 de novembro no enfrontamento entre o Club de Voleibol Emevé e o Chamberí, ás 18.00 horas no pavillón municipal, e no partido da Liga Feminina de Baloncesto que medirá ao Ensino co Uni Girona o domingo 24 ás 12.30 horas no Pazo dos Deportes.
Tamén formaron parte desta programación os encontros da Primeira División Feminina de fútbol sala que disputaron o pasado sábado o Burela FS co Melilla e o FSF Castro co Les Corts.
Arias destacou o papel do deporte para favorecer principios como a igualdade, a tolerancia e a integración. Tamén salientou a importancia de seguir traballando desde todos os ámbitos para erradicar a violencia contra as mulleres.