A Xunta promove unha feira infantil para impulsar a creatividade e o emprendemento entre o alumnado lucense

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración impulsa unha iniciativa destinada a estimular a creatividade e o interese polo emprendemento entre os escolares mediante actividades amenas e pedagóxicas. O programa, promovido pola escola de tempo libre lucense Bulideira coa colaboración de Barafunda Animación, culminará este sábado día 13 cunha feira na que os participantes exhibirán e venderán os seus produtos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director de Bulideira, Ramón García, detallaron hoxe o contido da proposta, que se desenvolverá no soto da Praza de Abastos entre as 16.00 e as 20.30 horas. En total, 60 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, todos de Lugo, ofrecerán as creacións nas que levan traballando durante as últimas semanas coa colaboración das súas familias.
A denominada “Feira de emprendemento infantil para o comercio de Lugo” busca reforzar o valor do comercio de proximidade ao tempo que favorece que os menores experimenten de maneira práctica cales son os primeiros pasos para poñer en marcha un pequeno negocio, desde a creación dun produto ata a súa comercialización.
Arias animou á veciñanza a achegarse ao mercado e apoiar o esforzo dos participantes. Os artigos e servizos terán un prezo que oscilará entre 0,50 e 2 euros e, ao finalizar a xornada, cada grupo deberá valorar se a súa proposta resultou viable e se obtivo algún beneficio. Segundo indicou, deste modo “descobren o esforzo que implica erguer a súa pequena empresa, pero tamén a satisfacción de ver prosperar unha idea propia”.
O proxecto botou a andar en setembro cunha campaña informativa nos centros educativos. Formáronse 25 pequenas empresas, individuais ou con ata tres integrantes, e tanto os menores como as súas familias participaron en dúas sesións de teleformación onde se explicaron nocións básicas como o valor do diñeiro, a xestión financeira, os impostos ou os créditos.
Ademais, os participantes traballaron competencias relacionadas coa oratoria, as matemáticas, os valores vinculados ao comercio local, as habilidades sociais ou a autonomía persoal, ao mesmo tempo que definiron e elaboraron os produtos que agora ofrecerán na feira.