A Xunta prorroga o convenio con Alcer para o traslado de pacientes a centros de hemodiálise
O Consello da Xunta autorizou o terceiro acordo de prórroga do convenio de colaboración entre o Sergas e a Asociación de Enfermos de Ril (Alcer). Este acordo posibilita garantir a cobertura do servizo de traslado de pacientes aos centros de hemodiálise na provincia de Lugo.
O obxectivo do convenio, que se prorroga ata o 14 de decembro de 2024 é simplificar as prestacións por desprazamento das persoas desta provincia afectadas por insuficiencia renal crónica que reciben tratamento de hemodiálise. Así, o importe anula da subvención da prórroga deste convenio é de 672.880 euros.
O labor de Álcer é mellorar as condicións de vida do colectivo de enfermos de ril na provincia de Lugo e, entre outras actividades, encárgase de xestionar o traslado dos pacientes aos centros sanitarios para recibir o tratamento de hemodiálise.
Deste modo, os enfermos serán trasladados en taxi ou, se así o require a súa situación, en ambulancia.
O servizo traslada unha media mensual de 164 pacientes, realizando 54 rutas e unha media de 71.300 quilómetros cada 30 días.