A Xunta reafirma o seu apoio ao Mercado de Oficios do Corgo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, confirmou que a Xunta de Galicia manterá o seu respaldo ao Mercado de Oficios que se celebra no Corgo a principios de agosto.
Segundo destacou, o Goberno galego "apostou desde a súa orixe por este proxecto, que encara a cuarta edición consolidándose xa como un dos principais reclamos turísticos e de dinamización económica do municipio e da comarca".
Arias mantivo unha reunión con José Chousa, representante da entidade organizadora Os Cinco Ríos, na que analizaron as posibilidades de colaboración para a nova edición deste evento.
O Mercado de Oficios do Corgo destaca pola presenza de numerosos postos de venda, con especial protagonismo para a artesanía e as antigüidades, ademais de contar cunha variada programación cultural que complementa a oferta comercial e artesanal.
Con este apoio, a Xunta reitera o seu compromiso coa posta en valor das tradicións e o desenvolvemento económico da zona, promovendo iniciativas que favorecen o turismo e a actividade empresarial local.