A Xunta reafirma o seu compromiso coa Facultade de Veterinaria de Lugo como eixo estratéxico do Campus Terra

LugoXa
O delegado territorial, Javier Arias, destaca o prestixio académico e investigador do centro no seu primeiro encontro co novo decano, Fernando Muñoz
reunión-Xunta-co-novo-decano-da-Facultade-de-Veterinaria-de-Lugo-Fernando-Muñoz
2 Feb 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo o primeiro encontro institucional co novo decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Fernando Muñoz, unha reunión na que trasladou o firme compromiso do Goberno galego cun centro que cualificou como un dos piares fundamentais do Campus Terra.

Durante a xuntanza, Arias puxo en valor o prestixio acadado pola facultade lucense, á que definiu como un referente tanto a nivel nacional como europeo, non só pola calidade do ensino que imparte, senón tamén pola súa intensa actividade investigadora e pola atención hospitalaria vinculada á titulación. Neste ámbito destacou o labor desenvolvido polo Centro de Biomedicina e Veterinaria Cebiovet e polo Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, elementos clave na formación e na investigación do campus.

O delegado lembrou tamén que a Facultade de Veterinaria foi o primeiro centro da Universidade de Santiago de Compostela en obter, no ano 2023, o selo de excelencia creado pola Administración autonómica para as titulacións de grao. Esta distinción, cunha vixencia de seis cursos académicos e posibilidade de renovación, supuxo unha achega extraordinaria de 360.000 euros no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario, destinada a reforzar a calidade e a innovación do proxecto formativo do centro.

Na mesma liña, Arias salientou os distintos apoios que a Xunta vén prestando á facultade a través de diversas vías de colaboración, especialmente no ámbito da formación práctica, da investigación aplicada, da seguridade alimentaria e da transferencia de coñecemento ao sector produtivo. Neste sentido, fixo referencia á cooperación con centros e organismos dependentes da Administración autonómica, que permiten ao alumnado complementar a súa formación práctica e achegarse á realidade profesional, contribuíndo á innovación e á mellora da competitividade do sector primario galego.

O delegado territorial incidiu ademais no papel vertebrador que desempeña a Facultade de Veterinaria dentro do Campus Terra, ao considerar que resulta clave para consolidar Lugo como un polo universitario e científico capaz de atraer e reter talento, así como de contribuír á dinamización económica e social do territorio. Este compromiso coa consolidación do campus, explicou, reflíctese tamén na renovación da súa acreditación como campus de especialización, o que permitirá asegurar o seu modelo académico e investigador e reforzar o seu financiamento con máis de 4 millóns de euros.

Esta nova achega económica sumarase aos máis de 8,8 millóns de euros que o Goberno galego leva investidos no Campus Terra desde a súa posta en marcha no ano 2013.

⚙ Configurar cookies
0.078419923782349