A Xunta recibe 7 ofertas de empresas para acondicionar o firme nas estradas LU-113 e LU-530
![fresado-obras-estradas-n-634](https://lugoxa.com/wp-content/uploads/2024/02/fresado-obras-estradas-n-634.jpg)
A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras de reforzo do firme nas estradas LU-113 e LU-530, ao paso polos concellos de Lugo Castroverde, Cospeito e Abadín, cun investimento de 3,5 millóns de euros.
As actuacións, cun prazo de 6 meses, teñen como obxecto a rehabilitación da capa de rodaxe para mellorar as condicións de circulación nos distintos treitos destas dúas estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.
De xeito máis concreto, estas intervencións desenvolveranse na LU-113, entre os puntos 10+000 e 20+180, en Cospeito; e desde o punto quilométrico 20+180 ao 22+780, xa no concello de Abadín.
Na LU-530, intervirase nunha lonxitude de 16,4 quilómetros. Neste caso actuarase no treito que vai desde o quilómetro 3+600 ao 12+640, no seu percorrido polo municipio de Lugo; e no treito que continúa desde o punto 12+640 ao 20, no concello de Castroverde.
As intervencións obxecto deste contrato non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas están incluídas dentro da franxa de dominio público.
O departamento que dirixe a conselleira María M. Allegue continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando este ano 68M€ á súa conservación.