A Xunta reclama ao Concello de Lugo documentación para avanzar no Plan Paradai
A Xunta de Galicia dirixiuse ao Concello de Lugo para solicitar que informe sobre o acordo ao que chegou coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) con respecto á actuación en Paradai, e que achegue a documentación técnica necesaria para poder actualizar o proxecto e executar a obra de mellora da rúa Serra de Meira.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da asociación de veciños de Paradai, Christian Fernández, para informarlle dos pasos dados logo de que a alcaldesa afirmara que o Concello e a Confederación xa resolveran os problemas que impedían a súa execución.
Así, a Xunta -a través da Axencia Galega de Infraestruturas- requiriulle os documentos urbanísticos e técnicos que correspondan para poder actualizar o proxecto da rúa Serra de Meira atendendo ás condicións que se deriven dese acordo entre Concello e Confederación, co obxectivo de poder reiniciar a tramitación e aprobación do proxecto, incluíndo a obtención da preceptiva autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
O delegado lembrou que o Goberno galego ten consignada unha partida de 500.00 euros na anualidade 2024 que permitirá licitar o contrato tan pronto se dispoña dun proxecto que conte con todos os informes favorables.
Neste sentido, lembra que foi precisamente o informe da CHMS o que paralizou esta actuación no ano 2015. No marco da tramitación ordinaria do proxecto, o organismo de conca emitiu un informe no que indicaba que os muros de acompañamento na vía debían situarse fóra da zona de servidume do río Rato, o que obrigaría a incumprir o PXOM do Concello de Lugo.