A Xunta reclama ao Concello que aclare cales son os terreos que oferta para as vivendas sociais
A Xunta insta unha vez máis ao Concello de Lugo a comunicar canto antes as parcelas que oferta para construír as vivendas de promoción pública que inicialmente estaban previstas no barrio do Castiñeiro, "ante a necesidade de acadar unha solución definitiva que permita axilizar os prazos de execución".
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que despois das dúas reunións de carácter técnico que mantiveron en maio as administracións autonómica e local para tratar os termos do convenio de colaboración que regulará a permuta dos terreos, a Xunta segue á espera de que o Concello “concrete onde quere que se fagan as novas vivendas e achegue as observacións que considere oportunas para incorporar á proposta de acordo”.
Apuntou que o Goberno galego leva meses pedíndolle de forma reiterada á entidade municipal que aporte unha localización alternativa, e acaba de facelo de novo a través do director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, que vén solicitarlle por escrito á alcaldía unha resposta “no prazo máis breve posible”, para permitir que a tramitación do proxecto avance.
Nas xuntanzas mantidas en maio, o Concello de Lugo aceptou a proposición inicial da Xunta de asinar un convenio patrimonial que permita permutar a parcela do Castiñeiro, de titularidade autonómica, por outro terreo que achegue a entidade local para que o IGVS promova as 58 vivendas públicas proxectadas, que contan cunha asignación orzamentaria de case 8 millóns de euros, dos cales 2,8 proceden de fondos europeos.