A Xunta recoñece a traxectoria de Aliad-Ultreia e apoia os seus programas de inclusión social

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou a traxectoria de máis de catro décadas da entidade Aliad-Ultreia, que centra a súa actividade en mellorar as condicións de vida de persoas en situación ou risco de vulnerabilidade, como aquelas con problemas de adiccións, persoas reclusas e exreclusas, ou mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos. Parrado realizou estas declaracións durante unha visita á entidade, na que puido coñecer os programas actualmente en desenvolvemento e falar con algunhas das persoas que participan neles.
O director xeral salientou que a Xunta de Galicia leva anos colaborando con Aliad-Ultreia e subliñou o importante labor que realiza nos ámbitos da formación e da sensibilización social. Así, a Dirección Xeral de Inclusión Social concedeu á asociación 145.000 euros no marco da última convocatoria de axudas para entidades de iniciativa social 2025-2027 e da liña de subvencións do 0,7 % do IRPF do 2025.
Estas achegas financian o funcionamento dos centros de acollida e de transición á vida autónoma da entidade, así como os programas Paso a Paso e Preparados, Listos, Xa!, destinados a persoas reclusas dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Os participantes nestas iniciativas teñen acceso a itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral e reciben apoio para preparar a súa reincorporación á sociedade unha vez recuperan a liberdade.