A Xunta recoñece o traballo dos xoves manexadores que se impuxeron no concurso internacional

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Dúas veciñas de Castro de Rei, unha da Pastoriza e outra do Páramo formaron parte do equipo español, coordinado desde Galicia
xovenes-manexadores-xunta-premio
17 Sep 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; recibiu no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) os mozos e mozas gandeiros galegos campións de manexo de gando no certame Young Breeders School (YBS).

A conselleira trasladou os parabéns da Xunta aos seis integrantes deste equipo, que se impuxo no devandito concurso internacional, celebrado do 28 de agosto ao 1 de setembro en Battic (Bélxica). Trátase de María e Andrea Otero, da granxa Fontixón (Castro de Rei, Lugo); Lorena Iglesia, de SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo); Alba López, da Gandería Quintián (O Páramo, Lugo); Simón Blanco, da Gandería Queiruguera (Val do Dubra, A Coruña) e Xabier Montes, de Casa do Rei (Rodeiro, Pontevedra).

Nesta edición do YBS participaron un total de 180 mozos gandeiros procedentes de todo o mundo, agrupados en 29 equipos. O conxunto español, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros e a Federación Frisoa Galega, coa colaboración de Clun, acadou un fito sen precedentes, ao obter o primeiro posto na clasificación por países, superando a Suíza, que quedou en segundo lugar, e a Polonia, que ocupou o terceiro.

O equipo que representou a España conseguiu o primeiro posto na clasificación por países, superando a 28 equipos de todo o mundo. María Otero, Xabier Montes e Alba López brillaron nos postos máis altos das súas seccións e no ranking xeral. Simón Blanco destacou na súa categoría e alzouse coa segunda mellor puntuación de Europa no exame de morfoloxía, e Andrea Otero e Lorena Iglesia tamén fixeron excelentes actuacións nas súas seccións, acadando uns boísimos resultados.

Durante varios días, os participantes deberon superara probas, desde preparar xatas, pelalas e domalas, ata crear un posto que representase a Galicia baixo a temática do Camiño de Santiago, que incluíu unha representación da Catedral, un vídeo de presentación do equipo e folletos informativos.

Plan de remuda

Nesta recepción, a titular de Medio Rural puxo en valor o importante papel da mocidade no agro galego e, neste marco, o Plan de remuda xeracional que está ultimando a Consellería cunha ampla perspectiva transversal, e que está baseado na formación, a sensibilización e a incorporación. Neste sentido, explicou que se traballará sobre a formación, favorecendo aínda máis a de carácter práctico, e puxo de exemplo a actividade formativa que se leva a cabo nos Centros de Formación e Experimentación Agraria dependentes da Consellería.

Neste contexto, Gómez destacou ademais a posta en marcha, antes de final de ano, do Banco de Explotacións, como ferramenta concibida para propiciar o contacto entre titulares de explotacións que cesan ou van cesar a súa actividade e as persoas interesadas en asumir a súa xestión, mediante compra ou arrendamento. Esta figura irá acompañada dunha novidosa liña de axudas, dotada con 2,1 millóns de euros ata o 2029, para favorecer a cooperación na sucesión de explotacións, beneficiando as persoas físicas ou xurídicas xefes de explotación que se xubilen ou teñan outras causas para ceder a súa granxa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19065594673157