A Xunta recoñece que a tramitación da Rolda Leste era irregular

LugoXa
Responden ás alegacións presentadas por Adega e o proxecto debe someterse a unha nova avaliación ambiental
Adega Rolda Leste
Protestas de Adega
29 May 2024

A Axencia Galega de Infraestruturas, da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta vén de dar resposta ás alegacións realizadas en contra da Rolda Leste. Segundo indica na resolución, o proxecto debe someterse a unha nova avaliación ambiental. Desde a Adegan están satisfeitas de que finalmente a Xunta recoñeza que o que pretendía executar, autorizar o proxecto cunha Declaración de Impacto Ambiental caduca, era totalmente irregular. Así mesmo, consideran que o máis oportuno sería a suspensión da tramitación do proxecto, polo gran impacto social e ambiental que a sociedade lucense non pode asumir.

Grazas á campaña “Salvemos o pulmón verde de Lugo” lanzada por Adega e ao traballo da plataforma Salvemos o Val do Río Rato da que forma parte xunto asociacións veciñais, ambientais, culturais, partidos políticos e outros colectivos da cidade de Lugo, conseguiron a gran contestación social que motivou o rexeitamento deste proxecto por parte da Xunta de Galicia.

A administración recoñece así que o procedemento é irregular e que a Declaración de Impacto Ambiental formulada no ano 2005, hai case 20 anos, e que pretendían dar por boa, non é válida. Dende Adega aseguran que os datos manexados inicialmente para a xustificación do proxecto son irreais, xa que están baseados nun PXOM sobredimensionado que non se axusta á realidade da cidade de Lugo.

Unha das reclamacións que realizan é que antes de executar un proxecto de tal magnitude se realice un estudo de mobilidade que determine cales son as necesidades reais de comunicación viaria da cidade e do seu entorno rural, para axeitalas a un plan de mobilidade sustentábel, que sexa realista e que produza o menor impacto posíbel coa contorna, que favoreza a conexión da cidade cun medio rural vivo e sexa respectuoso coa contorna, e que lle dea maior relevancia ao transporte público e colectivo.

Para o colectivo a forma en que foi tramitado este proxecto supuxo un desprezo total á cidadanía e ao medioambiente. Para eles unha nova avaliación ambiental non vai cambiar o feito de que este proxecto é innecesario e non está xustificado, supón a duplicidade de infraestruturas e vai destruír unha zona de alto valor ambiental e cultural que achega grandes servizos ecosistémicos á cidade. Polo tanto, non vai supoñer unha mellora na calidade de vida das persoas. Pola contra, implicaría o illamento dos núcleos de Barbaín e Bosende e o peche dun cinto gris arredor da cidade. Tamén eliminaría os últimos camiños tradicionais que crean a unión do rural e o urbano. Deste xeito, estarán vixiantes ante a nova avaliación ambiental e presentarán alegacións no momento oportuno.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18129706382751