A Xunta reforza a cobertura móbil no rural de Lugo con novas torres de telecomunicacións

LugoXa
Javier Arias, delegado territorial da Xunta, lamentou que o Concello de Lugo se estea a atribuír a execución destes traballos
melloras-telecomunicacións-Gondar-Xunta-de-Galicia
20 Feb 2025

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de rematar a instalación dunha nova torre na parroquia lucense de Gondar, que dará servizo á zona oeste do Concello.

Javier Arias, delegado territorial da Xunta, destacou a importancia desta actuación impulsada polo Goberno autonómico, subliñando que "supón un avance clave para mellorar as comunicacións no rural de Lugo, o que resulta esencial para facilitar o asentamento de poboación e o desenvolvemento económico destes núcleos".

Ademais, lamentou que o Concello de Lugo estea a atribuírse a execución destes traballos, cando é a Xunta quen financia tanto a construción das torres como as conexións eléctricas necesarias.

Explicou que, na maioría dos casos, as torres de telecomunicacións instálanse en terreos cedidos por particulares, comunidades de montes ou os propios Concellos, grazas a un convenio asinado entre AMTEGA e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). No caso de Gondar, a cesión do terreo veu por parte dun particular.

Dúas novas torres en Lugo e máis actuacións na provincia

A Xunta instalará proximamente outras dúas torres no municipio, concretamente nas parroquias de San Pedro de Mera e Santa María Alta, co obxectivo de mellorar a cobertura nos núcleos de Bacurín, Carricova, O Burgo, Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba, Cabanas, Alta, Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño e Torible. En total, o Goberno autonómico destinará preto de 700.000 euros a estas tres infraestruturas.

Así mesmo, nos vindeiros días, AMTEGA iniciará traballos similares en núcleos rurais de Vilalba, Mondoñedo e Láncara.

A construción destas torres forma parte dun plan complementario da Xunta de Galicia para mellorar as telecomunicacións no rural, en paralelo aos compromisos do Estado, que é o responsable desta competencia.

0.19087100028992