A Xunta reforza a coordinación cos concellos ante a vaga de incendios en Galicia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión cos representantes municipais da provincia, acompañado pola directora territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, e polo xefe do servizo de Emerxencias, Daniel Díaz, co obxectivo de reforzar a coordinación fronte á elevada actividade incendiaria que está a rexistrar Galicia neste mes de agosto.
Arias subliñou que se trata dunha situación excepcional que obriga a dar prioridade absoluta á defensa da poboación e das vivendas nos lugares onde os lumes avanzan con maior violencia. Recoñeceu a importancia da coordinación cos alcaldes, “que coñecen mellor que ninguén o territorio de cada concello”, e agradeceu o traballo tanto dos servizos municipais como dos gandeiros, que están a colaborar cos medios dos que dispoñen.
O representante autonómico referiuse á situación “anómala” que se está a vivir, marcada pola seca acumulada e as condicións climáticas que favorecen a virulencia dos incendios. Desde o 1 de agosto rexistráronse en Galicia 492 lumes, uns 370 máis que no mesmo período do pasado ano. Só o domingo chegaron a declararse preto de 30 novos focos, ademais dos que xa estaban activos.
Arias lembrou que a Xunta despregou o maior operativo da súa historia, con máis de 3.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aos que se suman máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldócer, 10 batracios e 32 medios aéreos, ademais da Policía Autonómica, a UME e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
O delegado territorial fixo tamén un chamamento á colaboración dos concellos, incidindo na importancia de extremar a vixilancia en zonas sensibles, revisar o estado das faixas secundarias, comprobar os puntos de auga municipais e ter dispoñibles os medios humanos e materiais en caso de emerxencia. Pediu ademais á veciñanza que manteña as precaucións, que dea aviso inmediato ao 085 en caso de lume e que siga colaborando co operativo da Xunta.
Finalmente, advertiu que moitos dos incendios son intencionados e asegurou que quen pon en perigo vidas e fogares atopará a “tolerancia cero” da Xunta, coa esixencia de que caia sobre eles todo o peso da lei.