A Xunta reforza o apoio ás agrupacións de Protección Civil da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Santiago Villanueva destacou na xornada provincial de convivencia o papel esencial do voluntariado na prevención de riscos e anunciou novos recursos tecnolóxicos e formativos
protección-civil-Guitiriz
9 Nov 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Lugo, onde puxo en valor o papel esencial destes colectivos na prevención de riscos e na atención ás emerxencias, tarefas nas que son “un piar fundamental”. Villanueva destacou tamén a súa xenerosidade e entrega, eloxiando o traballo que realizan “a prol da seguridade e do benestar da poboación, tanto en situacións extraordinarias como no día a día”.

Durante a súa intervención, o responsable autonómico referiuse ao compromiso do Goberno galego con estas agrupacións a través de diferentes medidas de apoio. Entre elas, salientou a orde de axudas destinada a financiar os gastos das AVPC, que este ano incrementou a súa dotación de 340.000 a 370.000 euros, beneficiando 32 colectivos da provincia de Lugo con achegas que superan os 59.600 euros.

Ademais, Villanueva lembrou o esforzo continuado da Xunta na dotación de material operativo, cun investimento de preto de 15,4 millóns de euros nos últimos anos en toda Galicia, o que permitiu entregar máis de 1.500 equipos, entre vehículos, embarcacións, ferramentas de excarceración ou kits de emerxencia.

No marco da orde de concesión de material de 2025, Lugo recibiu recentemente sete kits de material loxístico de seguridade viaria para os concellos de Guitiriz, Meira, Portomarín, Pol, Ourol, Quiroga e Ribas de Sil; cinco kits de ferramentas eléctricas para emerxencias, destinados a Lourenzá, Mondoñedo, O Vicedo, Vilalba e Viveiro; e tres tendas de campaña para situacións de emerxencia, que foron entregadas á Pontenova, Triacastela e O Valadouro.

O director xeral referiuse tamén ao apoio formativo que a Xunta ofrece a través da Academia Galega de Seguridade Pública, con cursos específicos para o persoal voluntario, así como á posta en marcha da nova aplicación móbil que permitirá o acceso á plataforma informática SIPROC. Esta ferramenta facilitará a comunicación entre as AVPC e a Xunta, permitindo coñecer en tempo real a súa composición, formación, recursos dispoñibles e operativos desenvolvidos, ademais de ofrecer información directa sobre a evolución das emerxencias.

⚙ Configurar cookies
0.070939064025879