A Xunta Reitora da UNED de Lugo avaliou o curso, destacando o éxito da entidade educativa

A Xunta Reitora da UNED Lugo reuniuse para avaliar o desenvolvemento do curso 2025-2026, aprobar a Memoria correspondente a 2024-2025, o Plan Docente e a programación de Extensión Universitaria, ademais de revisar os avances en materia de calidade, sustentabilidade e impacto social.
Durante o encontro presentouse un balance moi positivo da matrícula, que permite ao Centro consolidar un crecemento do 7,5 %, situándose entre os tres centros do Campus Noroeste que máis medran. A campaña “A Universidade que UNE” volveu demostrar a súa eficacia, apoiada polo traballo do equipo de comunicación e pola coordinación semanal do comité de campaña. Desde a Sede Central trasladouse unha felicitación explícita pola calidade, coherencia e impacto da iniciativa, subliñando a súa simboloxía, os seus valores e o seu arraigamento territorial. Tamén se destacou o avance das Aulas Universitarias, con especial referencia a Monforte de Lemos, que por primeira vez superou o centenar de estudantes.
O inicio do curso realizouse con total normalidade. A UNED Sénior rexistrou un éxito contundente, esgotando prazas en só dous días e obrigando á creación de novos grupos. A Extensión Universitaria mantívose como un dos piares da actividade do Centro: só na sede de Lugo celebráronse 38 actividades con 2.500 participantes, mentres que nas Aulas se organizaron 13 actividades en Foz, 9 en Monforte e 6 en Viveiro. Destacouse igualmente a colaboración institucional en encontros de grande impacto social, como as XXIX Xornadas Penitenciarias, as IV Xornadas Xustiza e Diversidade e o V Congreso da Muller Rural, organizado coa Embaixada dos Países Baixos, Tu Repueblas e AEMME.
No ámbito da sustentabilidade, informouse do lanzamento da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, con sede na UNED Lugo, chamada a liderar a transición ecolóxica da rede territorial. Esta iniciativa reforza a traxectoria de proxectos como #LugoNaturalMente e Centros que Deixan Pegada, e pon á disposición dos centros procedementos, indicadores, apoio técnico, un repositorio ODS, unha newsletter e programas de educación ambiental. Os avances son notables: 28 centros calcularon e inscribiron a súa pegada e 10 obtiveron o selo oficial do MITECO.
A reunión tamén permitiu salientar dous importantes recoñecementos nacionais: o Galardón de Boas Prácticas Universitarias do Consello Social, outorgado pola estratexia comunicativa do Centro; e o informe da auditoría do Nivel III do SGICG-CA, que conclúe cun resultado favorable con condicións. Destacáronse como puntos fortes a sustentabilidade e a organización das probas presenciais. O Comité de Certificación expresou de maneira unánime o seu recoñecemento á UNED Lugo por ser o primeiro centro en vías de acadar o Nivel 3 Avanzado con Responsabilidade Social e Axenda 2030.
Finalmente, trasladouse un agradecemento ao conxunto das institucións, ao PTGAS, ao profesorado titor, ao equipo de Extensión Universitaria e á comunidade académica, cuxo compromiso permite manter o dinamismo, a calidade e o impacto social da UNED Lugo.