A Xunta remata a drenaxe en Monte Pena Rubia para facilitar a apertura do novo aparcadoiro en Lugo

A Xunta de Galicia vén de finalizar as obras de implantación dun sistema de drenaxe de augas pluviais na rúa Monte Pena Rubia, situada na parte baixa do novo aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán, no barrio lucense de Casás.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona e lembrou que o Executivo autonómico decidiu asumir estes traballos, cun orzamento de 48.300 euros, co fin de axilizar a recepción e posta en funcionamento do aparcadoiro por parte do Concello de Lugo. “E aínda tivemos que agardar pola autorización para actuar sobre unha rúa da súa titularidade e arranxar un problema que xa existía antes da construción do aparcamento ao carecer de sistema de drenaxe de augas pluviais”, sinalou.
Segundo explicou Arias, as augas que se desbordaban procedían maioritariamente de afloramentos nas cunetas da vía, sen relación directa coa obra do aparcadoiro, aínda que a situación se fixo máis evidente ao impedirse a filtración da auga ao terreo natural tras as obras.
O delegado amosou a súa confianza en que, unha vez rematada a actuación, “se poida poñer en funcionamento canto antes unha infraestrutura moi necesaria para os usuarios dos novos servizos da zona e para a cidade en xeral”.
A Xunta investiu 1,2 millóns de euros neste aparcadoiro, que conta con 148 prazas e que ten como obxectivo fomentar o uso compartido do vehículo e reducir as emisións contaminantes na capital. O espazo dispón de dobre acceso: un polo barrio de Casás, para o tráfico con orixe ou destino no tecido urbano, e outro pola Avenida de Breogán, concibido como acceso principal e vinculado ao tráfico das estradas N-6 e N-540.