A Xunta remite ao Concello de Lugo o convenio para instalar a aula móbil do comedor en Fingoi 2

LugoXa
Javier Arias insta ao Concello a axilizar a sinatura para colocar o módulo desmontable destinado ao servizo de comedor
Comedor-Fingoi-Lugo
11 Dec 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP xa asinou e enviou ao Concello de Lugo o convenio que permitirá instalar a aula móbil destinada a acoller o servizo de comedor do CEIP Fingoi 2. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias,  solicitou ao Concello que complete canto antes a súa sinatura para poder iniciar a colocación do módulo desmontable na maior brevidade posible.

O delegado lembrou que o servizo de comedor é unha competencia municipal, aínda que destacou que o Goberno galego decidiu implicarse para responder á demanda das familias, ofrecendo unha solución rápida e viable mentres non se acometen outras actuacións. En virtude deste acordo, o Concello de Lugo cederá a superficie necesaria nunha parcela próxima ao colexio, mentres que a Consellería se encargará de instalar a aula portátil e asumir o mantemento durante os dous anos de vixencia do convenio, prorrogables por un máis.

Arias explicou tamén que, nas últimas semanas, o módulo foi trasladado ao Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes, onde se están levando a cabo traballos de mellora nos que participan docentes e alumnado dos ciclos superiores de Eficiencia Enerxética e Marketing. Neste proceso, encargáronse de revisar e adaptar a climatización, deseñar a distribución interior e preparar o equipamento que se incorporará unha vez instalada a estrutura na parcela. Ademais, crearon elementos decorativos para o exterior, completando así a posta a punto do módulo.

⚙ Configurar cookies
0.085801839828491