A Xunta reúnese con oito clubs deportivos para coordinar o uso do pavillón dos institutos
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza con representantes de oito clubs deportivos da cidade para coordinar o uso do pavillón polideportivo dos institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes e explicarlles as últimas decisións adoptadas ao respecto.
Así, Arias indicou que a Xunta asumirá a contratación dos servizos de limpeza e conserxería fóra do horario lectivo para resolver os inconvenientes que provocaba aos clubs e aos centros educativos a situación actual. Ao respecto, lembrou que as entidades deportivas viñan utilizando o pavillón polas tardes ante a falta de instalacións deportivas municipais. “Por esta razón, propuxemos ao Concello de Lugo a sinatura do convenio marco da Federación Galega de Municipios e Provincias, pero levan sen afrontar a situación desde setembro do 2021 e por fin hai unhas semanas deixaron claro que non van ser parte da solución”, afirmou o delegado.
Na reunión participaron tamén a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, María José Gómez; o director do IES Ollos Grandes, Francisco Javier Núñez; o secretario do IES Lucus Augusti, Bernardo Sánchez, e representantes das entidades implicadas: Emevé, Sagrado Corazón, Estudiantes, Franciscanos, Balonmán Lucus, Monstruíños, Gravity e Star Dance.
Os asistentes abordaron a distribución de horarios de utilización das pistas -mantendo o actual ata fin de curso- e a súa posible utilización tanto polas tardes como en períodos non lectivos.
Arias subliñou que a medida da Xunta achega tranquilidade a estes clubs, nos que adestran centos de rapaces e rapazas de Lugo e que carecen doutras infraestruturas axeitadas na cidade. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destinou máis de 275.000 euros a reformar o pavillón que comparten os institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes.