A Xunta solta en Outeiro de Rei dous azores que se recuperaron no centro do Veral

LugoXa | TerraChaXa
A Xunta afirma que se atenderon o ano pasado máis de 4.600 animais de 200 especies nos centros de recuperación de fauna
solta-azores-outeiro-de-rei
13 Mar 2026

A Xunta de Galicia atendeu o ano pasado un total de 4.572 animais de 200 especies distintas a través dos centros de recuperación de fauna silvestre (CRFS), unha rede dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e concibida para ofrecer en cada provincia unha instalación de referencia onde derivar e atender exemplares enfermos ou que atravesan dificultades puntuais para poder sobrevivir en liberdade.

Durante unha visita a Outeiro de Rei para asistir á solta de dous azores que pasaron as últimas semanas recuperándose no centro do Veral, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor o traballo do seu departamento neste eido como unha mostra máis do compromiso da Xunta co coidado e a protección da biodiversidade, do patrimonio natural e da fauna silvestre de Galicia.

Acompañada por un grupo de case 30 alumnos de 5ª de primaria do CEIP Laverde Ruiz, a responsable autonómica explicou que as dúas aves liberadas hoxe na área recreativa de Santa Isabel, ao carón do río Miño, son un xuvenil de azor macho, recollido no mes de outubro nun colexio de Castroverde coa ala dereita ferida, e unha femia adulta da mesma especie que aparecera a finais de febreiro na contorna urbana de Lugo con signos de deshidratación.

Neste sentido, destacou que 8 de cada 10 exemplares que ingresan cada ano nas instalacións da Xunta son aves —maioritariamente, gaivotas patiamarelas— e puxo en valor o labor dos profesionais que traballan nestes catro centros sumando esforzos para rescatar animais localizados no medio natural feridos ou desorientados e atendéndoos temporalmente co obxectivo de brindarlles unha segunda oportunidade.

Ademais, a conselleira aproveitou a ocasión para explicarlle ao alumnado asistente ao acto que en caso de atopar un animal ferido cómpre avisar ao 112 ou ao CRFS da provincia que corresponda, non tocalo de forma directa, metelo nunha caixa ou nun lugar ventilado e tranquilo e en ningún caso darlle de comer ou de beber.

Galicia dispón dun centro de recuperación de fauna para cada provincia: o CRFS de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña), o CRFS Alto do Rodicio (Ourense), o CRFS de Carballedo (Pontevedra) e o CRFS do Veral (Lugo). Estas instalacións, a través do seu persoal especializado, encárganse do coidado e da recuperación de todo tipo de animais de especies silvestres que non están en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural co fin de que, unha vez recuperados, poidan reintegrarse nos seus hábitats.

En base aos datos do ano pasado, o centro que concentra o maior número de animais é o de Carballedo, co 41,7% dos exemplares atendidos en toda Galicia; séguelle o de Oleiros, co 35,3% do total; o do Veral (15,5%), e, por último, o do Rodicio (7,5%).

Ademais, para seguir garantindo a calidade do servizo público que prestan, Ángeles Vázquez lembrou que o seu departamento realiza periodicamente investimentos nestes catro centros co obxectivo de mellorar e ampliar as súas instalacións.

De feito, estanse a executar nestes momentos obras de mantemento e mellora nos CRFS de Oleiros e de Cerdedo-Cotobade, cun orzamento estimado de 340.000 euros e cómpre lembrar tamén que entre 2024 e 2025 se completou unha intervención integral por importe de máis de 600.000 euros nas instalacións e accesos do CRFS do Veral.

0.12864112854004